Image
 
 
 

VEME  é unha pequena editora independente dedicada, polo de agora, á aoutoedición.

Queres saber máis?
Cóntoche:
Camiñaba o ano 2015, eu era unha muller nova e inexperta nisto da edición, iso si, sobrada de enerxía e ilusión. Ademais diso, andaba moi ben acompañada por familia e amizades xenerosas de creatividade e folgos para os momentos de debilidade.
 
Como che dicía, era o 2015 e eu encamiñábame a publicar o meu primeiro libro: UNHA VIAXE DE RUMINANTES, naquel momento non podía imaxinar que, case 10 anos despois estaría sacando á luz o meu primeiro selo editorial: VERME editora.

 

Entre medias naceu a colección OBXECTIVO ALAMBIQUE que pretende promover o amor pola nosa lingua, o respecto pola natureza e procura traer consigo unha valiosa aprendizaxe emocional. É unha colección nova que conta, polo de agora con dous títulos publicados. En primeiro lugar temos a: LAIA (2018), ilustrado cunha sensibilidade única por Leandro Lamas que trae unha historia de aceptación, amizade, aprendizaxe e autodescubrimento.

O segundo título da colección non é outro que: CARACOL, CARA DE COL(2023), ilustrado de xeito alegre e divertido por Tania Solla, este caracoliño e os demais bechos da historia tráenos un relato de autoaceptación, autoconcepto, recoñecemeto e amizade. Ámbolos dous contos foron maquetados maxistralmente polo deseñador gráfico, Martinho Picallo. 

No 2025, co gallo dos 10 anos saíu a 3ª edición de Unha Viaxe de Ruminante cun aspecto totalmente renovado contando con novas pequenas ilustracións, xogos textuais e un par de poemas novos.

 

Xunto con el nacía a colección LUME MANSO de poesía completada por O FAIADO DAS PAPOULAS, libro de poesía intimista mais con carácter reivindicativo e social, con ilustracións de Paula Pereira (Cavalinho do demo) que pronto se converteu nun espectáculo poético musical coa marabillosa aprotación da música: Marina Vidal.

 

A día de hoxe, cando penso no que levo feito e sobre todo, en tódolos proxectos que están por vir e nos que xa están de camiño, síntome moi orgullosa de ter tomado a decisión de crear este selo.

Este é un paraugas baixo o que acoller a tódolos proxectos xa creados e a tódolos seguintes, pois sinto que, en esencia todos falan do mesmo, de VERME a min por dentro, de que me poidas ver ti e verte tamén; mais tamén fala de ser un VERME que percorre o chan, medra a varios palmos do solo ascendendo ata que que logo lle chegue a hora de se transformar en bolboreta para conquistar o aire; ou ser un VERME carpinteiro que alumea os camiños nas noites máis escuras.

Todo canto arrodea a esta palabra inspírame e resóame, por iso, a damajuana que recolla e conteña o elixir do meu alambique debe chamarse VERME editora. 

 

Ogallá queiras formar parte,

ogallá queiras verme-lerme. 

GRAZAS POR ESTAR AQUÍ!

Agárdote nas páxinas dalgún libro de VERME!

 

Baia Fernández De La Torre

Novidades

Image
Foto de Cecilia Otero Fernández

O FAIADO DAS PAPOULAS, poesía e música

xa está dispoñible no catálogo CULTUREA da Deputación de Pontevedra!

 

O faiado das papoulas é un recital de poesía con acompañamento musical baseado no poemario homónimo. Unha proposta escénica íntima e ao mesmo tempo colectiva, pensada para converter o escenario nun espazo de memoria: un faiado.

 

Ábrese así un espazo de reflexión sobre realidades moi presentes na sociedade, como os micromachismos, as violencias silenciadas, os abusos e as relacións familiares, e cun/ha mesmo/a, abordadas dende a sensibilidade e a forza da palabra poética que se converte no fío condutor desta viaxe.

As intervencións musicais intercálanse e superpóñense aos textos, creando unha atmosfera envolvente e de inmersión con unha duración aproximada duns 50/60 minutos.

Con esta posta en escena coidada e suxestiva, O faiado das papoulas é un espectáculo cultural apto para todas as idades dende a adolescencia. Ademais de para público xeral é perfecto para programación en institutos, onde pode ir acompañada dun obradoiro práctico onde profundizar nas aprendizaxes que traen os textos fomentando unha ollada crítica e reflexiva na xuventude.

O espectáculo convida a mirar, entender e nomear para poder sandar e conectarse coa comprensión, a aprendizaxe e a beleza. 

VERME editora acompañando aprendizaxes.

Se es profe, terapeuta ou acompañas a crianzas, queda a escoitar!

Nesta sesión expoño ensinanzas que podemos traballar a través do conto CARACOL, CARA DE COL de verme editora. Algunhas coma o amor e o respecto pola natureza, promover o idioma ou asentar valores coma a amizade, o respecto, a autoestima, a loita contra o acoso ou mesmo a atención á diversidade.
 
Unha análise ampla con exemplos de dinámicas para levar a cabo en distintas idades.
Agardo que che sexa de utilidade!

Última publicación

Un libro de poesía intimista que abre xanelas a memorias da linaxe feminina. Este libro é como sandar con palabras cada doenza profunda.

 

Aínda sendo intimista, esta obra non deixa de ter un carácter reivindicativo e mesmo social, unha especie de catarse que desemboca nun lugar de calma onde se fai presente a beleza, o acubillo amoroso e a comprensión profunda.

O Faiado Das Papoulas é un libro de poesía libre, en tódolos seus aspectos.

Libre á hora de compoñer a estructura dos textos así como á de escoller, intuitivamente, cada unha das palabras que o forman.

Liberdade tiven eu, a autora das letras, e tamén foi así para a ilustradora e o deseñador, aos que enseguida vos presentarei.

Teño que recoñecer que este último, o meu ben querido Martinho Picallo Fontes (Luscofusco), estivo un chisco máis condicionado pois debía partir dunha premisa, unha necesidade miña:

"necesito aire, limpeza, pensa que denso xa é o que conto, preciso branco para poder soster o relato."

E así o fixo, coma sempre escoitou as miñas palabras, o meu sentir e, a partir desta indicación puxo en marcha a súa xenerosa creatividade para facer deste faiado un lugar no que querer quedarse a vivir.

Outras publicacións