É algo moi poderoso.
Aparece sen saber moi ben por que
nin de onde vén.
Mensaxes…
Son como palabras no aire, suspendidas, brillantes…
Palabras que preciso, de maneira urxente, debuxar nun papel.
Si, ha de ser en papel.
Se non é posible nun primeiro momento,
podo utilizar calquera medio de transporte entretanto máis
ha de acabar repousando na celulosa ondeante que contén os soños,
ningún outro lugar é válido.
As palabras percorren os sentidos coñecidos
e algún que outro oculto.
Outórgalles, esta condición, un billete de ida e volta
a través do meu ser.
Por iso, estas palabras, aínda que veñen de fóra
sonan coma se a orixe das súas centellas tintinantes
se crearan no buraco preto das miñas entrañas.
E así, case sen querer máis con gran pracer
deixo que me traspasen cantas letras queiran.
Elas móvenme,
traen mensaxes doutros lares, amiúdo inaccesibles
abren as comportas das augas estancadas e
dos máis estreitos regatos.
Elas flúen, acariñan, moven, removen e elevan.
Como non hei seguir a súa chamada se o corpo
se me torna po de estrelas cando elas, as palabras
me traspasan co seu raio multicolor.
Paradoxo, pois non consigo atopar palabras
que transmitan o que elas fan en min.
Elas teñen e danme o poder.
Elas chaman por min e eu,
non podo máis que abrirlle as portas do mundo
e crear montes de papel do que coida a madeira que o contén.
Por isto, máis pronto que tarde
abrirei a xanela
para que as páxinas que escribo voen ata ti,
que me estás lendo.
Porque si,
porque estas palabras veñen a min pero,
que non che caiba a menor dúbida,
son para ti.
Estas palabras non pretenden ser un poema, están así colocadas, ao seu xeito, como elas quixeron máis non é outra cousa que unha forma de contarche que sinto, dende hai tempo, unha poderosa chamada a escribir e, por tanto, a publicar. Quero contarcho a ti, que me les neste lugar tan meu e tan pouco coñecido como mostra de aprecio por visitares este humilde recuncho.
Aínda non sei o título nin cando sairá á luz mais quero que saibas que niso estou, ordenando palabras para enviarchas nalgún momento en forma de libro.
Ogallá compartilas contigo!
Grazas por lerme!
Baia Fernández De La Torre
(Impro 1/4/2024)
Compártoche parte da música que me inspirou a escribir este blog, chámase: Idea9 de Gibran Alcocer.

4 Comments
Isa
Graciñas por compartir
O que ven através de tí
para todas nós.
Ben recibido siempre
con calor de lar.
Apertas
admin
Isa, que ledicia lerte por aquí! Grazas por acompañarme no camiño <3
Celia
Amas as palabras… e sen dúbida, tes o privilexio de que elas te amen a ti. Migran dende o infinito profundo e brillante, buscando a estación de cor e calor, aniñar na tua alma, e voar de novo en papel…
Grazas, Baia, por prestar a impresión que as palabras dibuxan a través de tí, sempre tocan o meu corazón.
admin
Que fermoso, Celia! Deberías escribir un libro ti tamén, tes o mesmo don 🙂 . Apertas e grazas por compartir o teu sentir!