DE CANDO GAÑEI O MARÍA CASARES

Dende que nacín vivín rodeada de peinas, cepillos e bigudíes da permanente, pasei horas estirando papeluchos e organizando os pinchos dos tubos, xogando coas pinzas mosca e impregnada polo olor a laca e plis (líquido fixador que se aplica no cabelo antes de poñer os tubos). As viaxes espaciais dentro do seccador de casco e as revistas de peiteados que xa me sabía de memoria. Si, a vida era nunha perrucaría. Non era de estrañar que, ao ter que elexir un futuro para min, optara por ese oficio, sempre tiven man e, ademais de man, tiña outra cousa, personalidade. Isto último tamén me deu algún disgusto mais, ollándoo con perspectiva, todo foi para ben.

Soamente busquei traballo unha vez, tódolos demais viñeron a min. Sempre tiven sorte, e éxito de algún modo neste oficio. Traballei para tela, non veu soa. Pero, aínda coa sorte, chegou un día no que se esfumou a curiosidade, faltáronme as ganas de aprender cousas novas e, a pesar de que as miñas queridas e fieis clientas me dicían que a elas xa lles chegaba co que sabía, eu sentía que se non podía dar o mellor de min, o honesto era deixalo e ir alá onde me sentira útil. 

Sempre me motivaran dúas cousas, principalmente: unha crear. A creatividade é algo imprescindible na miña vida, se esta se apaga a vida carece de sentido; a outra axudar ás persoas a sentirse mellor, eu era feliz se as clientas saían da perrucaría máis contentas do que entraban, ese era o meu principal obxectivo, e que, podendo ser, fora unha mellora duradeira, non algo  efémero que permanecera so ata que se lavasen de volta o pelo ou pasasen pola almofada. Co tempo deixaron de interesarme as cabezas por fóra e comezaron a interesarme, moito máis, as cabezas por dentro, empezando pola miña. Fun orientando o meu labor de axuda cara aí.

O ioga da risa, a exeñaría emocional, o reiki… viñeron moitas cousas ata que chegou o Sistema Ludocorporal que sumaba todo: a creatividade, o xogo, a risa, o movemento enerxético… Deixei o negocio e metínme de cheo nesta aventura do acompañamento. A creatividade tamén se seguiu expresando a través da escrita e da comunicación polo que xa estaría completa, pensarás. Mais non era así…

Conservo comigo algo dese oficio que me acompañou toda a vida e me mantivo ata hai ben pouco. Fágoo soamente nun espazo reservado, único, como quen garda o seu primeiro mechón de cabelo, ou a primeira flor que lle regalou súa filla eu gardo un tesouro que me recorda sempre de onde veño e que o poño en marcha nun mundo tan máxico e apaixonante coma o teatro. 

Que Ibuprofeno teatro, Redrum teatro ou mesmo o Centro Dramático Galego me deran a oprtunidade e a confianza xa é un agasallo. 

Recordo cando, o ano pasado (2023) Marián Bañobre me chamou para dicirme que era finalista polo espectáculo “Smoke on the water” (Ibuprofeno teatro), pensei que estaba de brincadeira, non daba creto. Eu dicía: “teño que ir á entrega das nominacións que é, probablemente, o único que vou recoller hahhaha…” Un ano despois chega a nominación e, finalmente o premio María Casares a mellor maquillaxe por “Deadpan karaoke” un personaxe que me encantou axudar a crear.

O meu maior premio é facer o que me gusta e con quen me gusta; que o equipo quede contento co meu traballo, outro premio; que lle guste ao público, iso é do mellor! e que, ademais, a profesión me dea o seu recoñecemento… pois, que máis se pode pedir! 

Nunca busquei nin busco premios e, hai uns anos, recibir recoñecementos daríame moita vergoña, hoxe podo dicir que son quen de recibilo e ademais con unha inmensa gratitude. 

Así que non me queda máis que dicirche, a ti que me les, GRAZAS POR ESTAR AQUÍ!  GRAZAS POR ACOMPAÑARME! 

E, se che apetece, cóntame, como te levas ti cos recoñecementos? es quen de facelos? se chos fan a ti, como os recibes?

Agardo o teu comentario. Compártoche o video de como recollo o premio e o meu discurso, agardo que che interese.

Apertas e, ata a próxima!

Baia Fernández

https://youtu.be/1XuuI4HmnrU?si=nvr9My5NNq27P7MW

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *