Eu era unha nena sorrinte. As miñas meixelas non chegaban a poñerse coloradas como as de meu irmán Xandre, que parecía que ían estoupar pero ría, ría moito. Se lle preguntaras a alguén que me coñeza dende a infancia como era eu, seguramente na descripción aparecería algunha destas palabras: sorrinte, alegre, divertida, sabe ver o lado bo das cousas… tamén che dirían, “ten un xenio…” hahahhahaha… algunha foto da miña máis tenra infancia co ceño extraordinariamente fruncido dá testemuño diso. Ah, e unha cicatriz na cabeza do meu irmán, tamén! aínda que non é a peor que ten. Coido que eramos un tanto animais demais.
Sempre rin moito, e tamén sufrín por rir. Se me daban un “moquete” (dito así soa mellor, non semella violencia), e me ría -eu non quería rir, a risa saía soa sen agardar a que eu lle dera permiso- cobraba outro, pois quen o propinaba entendía que o primeiro non fixera efecto. Botáronme da biblioteca, da clase, da misa non porque nunca fun, de ter ido, seguro me terían botado tamén.
Sempre rin moito, gustábame que me fixeran rir, tiña a sorte de ter amigos ben simpáticos. Eu era moi pavera, tamén. Gustábame facer rir. En ocasións pasábame de voltas e ría sen control. Outras veces, en vez de ataque de risa sufría ataque de cóxegas por parte de algunha irmá maior, dende fóra parecía gracioso mais eu sufríao moito, percorríame unha impotencia frustante.
Sempre rin moito, miña nai era moi creativa e tiña ocurrencias do máis divertidas. A ela tamén lle gustaba rir. E a meu pai, que poñía os chistes de Farruco e escarallabase, pero discretamente. Eu, pola contra, sempre fun máis escandalosa. A miñas irmás tamén lle chegaba ben, e á nosa veciña e amiga Eva que viña moito para a nosa casa, cantas veces temos chorado de risa, e algunha outra cousa tamén hahhahhaaa…
Sempre rin moito estando moi triste por dentro, estando terriblemente enoxada, sentíndome, rodeada de xente, tremendamente soa.
Como ría, como sempre había un sorriso en min, como era quen de verlle o lado positivo a tódalas cousas, cría, inocente, que tiña moita alegría. E non digo que non a houbera, pero non era esa alegría que leva á plenitude, á paz interior, non. Agora, co paso do tempo, creo que esa alegría a provocaba eu coa miña risa. Si, que a alegría, a positividade, o inxenio aparecían polo feito de rir.
Cando comecei a investigar e a aprender sobre a risa descubrín que o meu riso viñera a salvarme, que o meu corpo era sabio e sabía como conseguir aquelas substancias que precisaba, había algo innato que llo permitía, algo que o axudaba a liberar tensións, aliviar dores tanto físicas como da alma, mellorar a respiración, activar o corazón e proporcionar un estado de benestar que traía consigo os folgos para continuar. Aprendín a rirme en calquera situación, por dramática que fora, unha risiña sempre traía alivio.
Sempre rin moito e, a día de hoxe e dende hai tempo, sei que a risa me salvou. Ben, para ser xusta, a risa e o amor. Que para iso tamén serve!
Cando descubrín que non tódalas risas valen, que hai unha máis saudables que outras, comecei a explorar a miña, a descubrir que, a pesar de todo o que me levaba rido, a miña risa tiña moitos bloqueos, fun quen de velos e ilos liberando, ao meu ritmo. Abríronse as portas. Saíu de todo de aí dentro e, ao correr o aire – da respiración- foise abrindo paso esa outra alegría, unha que non viña de fóra, senón de dentro, puiden abrazar a risa interior e con ela entrei na paz.
Como me aconteceu con outras cousas, etendín que algo tan valioso debía ser compartido, que se a min a risa me salvara, podía, quen sabe?, salvar a outras. Aí naceu ARI, Abrazando a Risa Interior.
Dende que a creei lévoa a tódolos espazos que podo, aos que me piden, aos que me deixan e a algún así de esguello. Porque sei que a risa non so trae alegría, tamén trae complicidade, amizade, coidado, vínculo…
Sempre me rin moito e, cada día tráeme mellores froitos.
Grazas por lerme!
Se che presta cóntame, cal é a túa relación coa Risa?
E, se queres que che conte cousas interesantes sobre ela, déixamo en comentarios. tamén podes deixar dúbidas, se as tiveras.
Unha aperta ben grande, ata a próxima!
Baia Fernández


2 Comments
Manuela Otero Rodriguez
Hola la verdad es que por circunstancias y un poco con la edad ya no me rio como antes hace tiempo que no río a carcajadas y cuando te conocí en el taller que hiciste en Villagarcia me di cuenta lo importante que es reir
Te empecé a seguir por una amiga que me habló de tus vídeos y me pareces una persona muy interesante un abrazo grande
admin
Moitísimas grazas polo teu valioso comentario, Manoli! Unha aperta ben grande!