
Hixiene.
Hoxe vén á miña cabeza esa palabra. Reflexiono sobre a importancia que lle damos á limpeza do noso fogar, da nosa roupa, incluso á do propio corpo. En condicións normais non se nos ocorre meternos na cama cos pes cheos de terra logo de bailar no campo da festa, nin o facemos manchadas de café se tivemos un accidente e o vertemos por riba, nin sequera, na maioría dos casos, nos deitamos coa mesma roupa coa que andivemos pola rúa.
Podemos dicir que temos uns rituais de hixiene e limpeza que realizamos automáticamente, sen cuestionalos, que fan que nos prestemos especial atención en certos momentos do día como por exemplo, antes de ir para a cama:
Duchámonos, lavamos os dentes, hidratamos a pel, incluso limpamos zonas recónditas dos nosos corpos como a vaxina, as fosas nasais ou o espazo interdental, nada menos!
Celebramos e gozamos da sensación de entrar na cama coas sabas recén mudadas, arrecendendo a limpo.
Estos son costumes arraigados mais, que acontece coa nosa alma?
Quen a limpa?
Facemos algún ritual de hixiene para limpala de todo aquilo que fomos recollendo pola rúa?
Ou polo resultado dun accidentado encontro con alguén?
Ou, quen sabe? do que nós mesmas nos fomos ensuciando con pensamentos, xuizos ou emocións disfuncionais?
Quen di que a alma non precisa do seu propio ritual de “SOULCARE“?
A miña idea de hoxe non consiste en ofrecerche unha rutina con uns pasos que debes seguir ao pé da letra, senón convidarte a prestar atención, se non o fixeches xa, a que necesita a túa alma para “ulir a limpo”?
E pode que cada día sexa algo distinto, ou non, non o sei. Convidándote a ti e convídome eu tamén. Lembrándocho a ti e lémbomo eu tamén pois, aínda que son moi consciente da importancia que ten este mimo, este coidado do interior, non o poño en práctica todo o que me gustaría nin moito menos o teño integrado. Por iso lle vou poñer nome e momento, para que ao nomealo e darlle un tempo tome forza e ocupe cada vez máis o seu lugar permanecendo durante máis tempo aquí. Instauro, dende xa a rutina “soulcare” ou, como prefiro eu chamarlle: “a hora de limpar a alma”.
Ocórreseme que podo comezar por tomar unhas respiracións profundas, activar, suavemente, as articulacións e moverme a pracer.
Igual che parece algo moi sinxelo e, parécecho porque o é.
Un ritual para rematar o día e entregarnos ao sono entendo que debe selo, que debe ter a suavidade como motor principal, a consciencia respiratoria e a atención no agora.
Si, coido que eu vou comezar por isto. O difícil poida que non sexa o acto en si senón o ser quen de facelo a diario. Por iso non me vou propoñer facelo tódolos días, voumo propoñer so hoxe! E mañá, poida que mo propoña outra vez, quen sabe? podo ir día a día e logo xa verei que pasa.
E ti, súmaste ao soulcare, ou mellor, á hora de limpar a alma?
Cóntame, cal é o teu ritual, se o tes e, se non o tes, cal che gustaría incorporar ao teu día a día?
Grazas por acompañarme, lémonos!
Baia Fernández
2 Comments
Isabel
Por qué as cousas máis sinxelas as pasamos por alto?
As veces atópome poñendo en práctica o que predico.
E sinto éste recordatorio necesario, sinto que estamos nun momento no que o máis
básico se pasa por alto.
Grazas por compartir deste xeito tan tranquilo e sementar “Coidados sen Esforzo”.
Apertas amiga
Grazas por axudar a que o valor do meu camiño medre día a día
admin
Isa, resúltame emocionante acompañarte neste camiño e adoro ler os teus comentarios, ver os teus avances. Que orgullo!
Grazas por compartilo tamén por aquí!