A pasada fin de semana (24-25 de setembro) celebrouse en Pontevedra a feira do emprendemento: Pont-up store 2021. Un espazo onde persoas creativas de tódolos campos mostraron os seus proxectos. Unha mostra de productos e servizos do máis orixinal e inspiradora que conta xa con varias edicións.
Este ano tiven a oportunidade de participar presentando o meu proxecto como ADESTRADORA EMOCIONAL, unha iniciativa que nace da entrega, do gusto por acompañar ás persoas a atoparse a si mesmas e a descubrir o mellor de si, da vocación de compartir todo aquilo que a min me serve na vida e poñelo en favor das demais.
Foron dúas xornadas intensas de coñecer persoas lindas, proxectos inspiradores, visitas inesperadas, de falar… falei moito!
Houbo moitas persoas interesadas en coñecer en que consiste a labor dunha adestradora emocional e en coñecer a LAIA, o conto que me acompaña nesta viaxe interior e que se volve unha ferramenta indispensable para traballar conceptos coma: amizade, auto-estima, auto-concepto, desapego natural, aceptación… Moitas foron as persoas que quedaron prendadas deste personaxe tan entrañable. O mellor momento coido que foi cando chegou a hora da presentación, na tarde do sábado, e unhas cantas crianzas decidiron vir comigo ao escenario a axudarme a contar a historia de LAIA e a facerme preguntas sobre o conto. Foi un momento realmente especial!
Un evento, en definitiva, que me deixou moi bo sabor de boca e moitas ganas de seguir emprendendo.
Déixoche unha pequena mostra do evento nesta galería de fotos.
Ata a próxima!
Baia Fernández